Abadessa, oí dizer

Abadessa, oí dizer
que erades mui sabedor
de todo ben; e por amor
de Deus, querede-vos doer
de min, que ogano casei,
que ben vos juro que non sei
máis ca ũu asno de foder.

Ca me fazen én sabedor
de vós que avedes bon sen
de foder e de todo ben.
Ensinade-me máis, senhor,
como foda, ca o non sei,
nen padre nen madre non sei
que m’ ensine, e fiqu’ i pastor.

E se eu ensinado vou
de vós, senhor, deste mester
de foder e foder souber
per vós, que me Deus aparou,
cada que per foder, direi
Pater Noster e enmentarei
a alma de quen m’ ensinou.

E per i podedes gaar,
mia senhor, o reino de Deus:
per ensinar os pobres seus
máis ca por outro jajũar,
e per ensinar a molher
coitada, que a vós veer,
senhor, que non souber ambrar.

Orientacións para a lectura

Cantiga satírica en que o protagonista, orfo e recentemente casado, implora a axuda dunha abadesa experimentada en prácticas sexuais co obxectivo de superar a súa propia ignorancia: “Axudádeme, por Deus, pois ouví falar que vós erades moi sabedora de todo ben; compadecédevos de min, que casei este ano, e ben vos xuro que non sei máis que un asno de foder. Non teño eu quen me ensine, nin pai, nin nai, e ficarei inexperiente. Moito vos hei de agradecer que me ensinedes esa arte do foder, rezarei un Pai Noso e pedirei pola vosa alma cada vez que poña en práctica o que convosco aprenda. Vós poderedes gañar o reino de Deus por iso – por atender aos ignorantes e ensinar á coitada muller que non saiba menear as ancas e que vos pida axuda – máis do que por calquera xexuar”.

A composición, un dos exemplos de irreverencia máis ousados dos cancioneiros, estrutúrase sobre o pedido de caridade, unha das sete virtudes teologais do catolicismo. O efecto cómico e satírico resulta do contraste entre o contexto (a transcendencia relixiosa desa virtude e o estatuto social da abadesa) e a expresión concreta do requirimento (de natureza obscena). Ademais, a autocomparación do solicitante co asno adquire unha dupla dimensión por ser o burro emblema da ignorancia e, ao mesmo tempo, símbolo fálico. A mistura do sagrado e do sexual atinxe o seu clímax ao considerar que as ensinanzas demandadas á abadesa poden constituír a mellor vía para conseguir mesmo a salvación eterna.

Manuscritos