Afonso Eanes do Cotón

A falta de rexistros documentais con que reconstruír a biografía de Afonso Eanes do Cotón (ou Afonso do Cotón) está, dalgún modo, compensada polas referencias que a el fixeron outros poetas galego-portugueses, como o rei Afonso X e Martín Soárez. De acordo con eses elementos, a súa actividade poética desenvolveuse na corte de Fernando III e na dos primeiros anos de Afonso X. Martín Soárez chegou a dedicarlle unha cantiga (“Nostro senhor, com’ eu ando coitado”), na cal o describe, a través dun relato enunciado en primeira persoa e en termos burlescos, como indivíduo disoluto e contrafeito fisicamente. Existe certa continuidade entre algúns deses trazos e a súa abundante produción satírica, caracterizada pola frecuencia dun ton obsceno e irreverente, como se comproba no texto aquí reproducido. 

O sobrenome toponímico Cotón levou a pensar que fose natural de Negreira, lugar situado a 15 km. ao nordeste da capital galega, onde existe un pazo coñecido con ese nome. É posíbel que a familia dos Coton (ou algún ramo da mesma) teña estado vinculado a esa área xeográfica, o que non exclúe a presenza desa liñaxe en Compostela. Un documento compostelán de 1192, no cal aparece mencionado un Joán do Cotón (“Iohanne Cothone”, “Iohannes Cothon”), que supomos pai do trobador, apoia esa posibilidade. De acordo con tal escritura, el posuía unha casa na rúa Faxeira, onde tamén terá morado Afonso Eanes.