Ai Justiça, mal fazedes que non

Ai Justiça, mal fazedes que non
queredes ora dereito filhar
de Mor da Cana porque foi matar
Joan Airas, ca fez mui sen razon;
mais, se dereito queredes fazer,
ela so el devedes a meter,
ca o manda o Livro de Leon.

Ca lhi queria gran ben e des i
nunca lhi chamava senon senhor;
e, quando lh’ el queria mui milhor,
foi-o ela logo matar ali;
mais, Justiça, pois tan gran torto fez,
metede-a ja so ele ũa vez,
ca o manda o dereito assi.

E quando máis Joan Airas cuidou
que ouvesse de Mor da Cana ben,
foi-o ela logo matar poren,
tanto que el en seu poder entrou;
mais, Justiça, pois que assi é ja,
metan-na so el, e padecerá
a que o a mui gran torto matou.

E quen-nos ambos vir jazer, dira:
“Beeito seja aquel que o julgou!”

Orientacións para a lectura

O trobador manifesta a súa queixa perante a Xustiza, que non quere aplicar a sentenza que manda o Libro de León a unha dama chamada Mor da Cana, a quen quería moi ben e que, logo que o viu no seu poder, o matou de amores sen razón. Xa que a señora cometeu tal crime, apoiándose na pena que o dereito estabelece para homicidio, insiste: ”Que a metan debaixo de min e así padecerá aquela que tan inxustamente me matou! E quen vexa xacer así os dous corpos, dirá: `Abenzoado sexa o que tal sentenza ditou!´”

Cantiga satírica en que Joán Airas de Santiago aproveita as vellas regras xurídicas para introducir unha nota sexual e humorística. O poeta, considerándose asasinado por Mor da Cana (Mor Airas de Cana, dama galega, talvez sobriña do trobador Pai de Cana), reclama imperiosamente que se esixa responsabilidade xurídica a esta señora e se cumpra a lei que ordenaba colocar o homicida por baixo da súa vítima. Nótese, ademais, o gosto pola autonominatio, presente tamén noutro texto do trobador.

Manuscritos