Cuidei eu de meu coraçon

Cuidei eu de meu coraçon
que me non podesse forçar,
pois me sacara de prison
e d’ ir comego i tornar.
E forçou-mi ora nov’ amor,
e forçou-me nova senhor;
e cuido ca me quer matar.

E pois me assi desemparar
ũa senhor foi, des enton,
e cuid’ eu ben per ren que non
podesse mais outra cobrar;
mais forçaron-m’ os olhos meus,
e o bon parecer dos seus,
e o seu preç’ e un cantar

que lh’oí u a vi estar
en cabelos, dizend’un son.
Mal dia non morri enton,
ante que tal coita levar
qual levo, e nunca vi maior
qual levo, ond’ estou a pavor
de morte, ou de lho mostrar.

Orientacións para a lectura

O poeta narra como, despois de se liberar do amor dunha señora, se apaixona por outra: “Xulguei que o meu corazón, despois de me tirar da prisión do amor, non me podería forzar a amar novamente; no entanto, forzoume agora un novo amor e unha nova señora, e xulgo que me quer matar. Pois así me desamparou unha señora, desde entón ben xulguei que, por ningún motivo, podería ter outra; mais forzáronme os meus ollos e a beleza dos seus, o seu valor e un cantar que lle ouvín cando a vin cos cabelos descubertos, entoando unha canción. Infelizmente non morrín entón, en vez de sentir tal dor como a que padezo! Pois unha maior nunca vin e estou apavorado de medo da morte ou de llo demostrar”.

A cantiga pertence á modalidade de cantiga de mudanza (chanson de change), unha variedade temática da canción provenzal e francesa, que foi cultivada tamén por outros trobadores galego-portugueses, como Fernán Pais de Tamalhancos, Rui Fernández de Santiago, Pero García Burgalés e Joán Soárez Somesso.

Utiliza algúns motivos tópicos na cantiga de amor, como a consideración do corazón e dos ollos como forzas independentes que, respectivamente, o liberan e o obrigan a amar. Entre as notas orixinais, podemos subliñar a identificación das causas que o levaron a apaixonarse de novo, concretamente o feito de ter contemplado a dama “en cabelos” (coa cabeza descuberta) cando entoaba unha canción.

Manuscrito