Juião Bolseiro

Nos cancioneiros consérvanse 18 cantigas de Juião Bolseiro: 1 de amor, 15 de amigo e 2 tenzóns, unha con Men Rodríguez Tenoiro e outra con Joán Soárez Coelho. Sobresae a orixinalidade deste autor no xénero de amigo coa presenza de desenvolvementos argumentais inéditos e pouco convencionais, mais de grande realismo.

A propósito da biografía do poeta, as tenzóns mencionadas levan a situar, de modo impreciso, a súa actividade literaria en mediados do século XIII. Na verdade, nun documento de 1240 relativo á compravenda dunha casa na rua compostelá do Preguntoiro, encontramos o único rexistro coñecido con relación ao trovador. Tal escritura mostra que o seu nome real foi Juião Airas Bolseiro (“Iulianus Arie Bulsarius”) e dela podemos deducir que era efectivamente cidadán de Santiago de Compostela.

É posíbel que o apelido con que o coñecemos teña estado ligado á custodia das bursas (bolsas) onde se gardaban, entre outros emolumentos, as doazóns monetarias efectuadas polos fieis. Iso permítenos pensar que sería un membro da Sé de Santiago.