O gran prazer e gran viç' en cuidar

O gran prazer e gran viç’ en cuidar
que sempr’ôuvi no ben de mia senhor,
mi a fazen ja tan muito desejar,
que moir’ e non perco coitas d’ amor;
pero aven que algũa sazon
arç’ e mi afog’ e moiro por que non
senç’ u me dol nen sei en que travar.

E por esto non leixei pois d’amar
e servir ben e faze-lo milhor,
ca sempr’ amor per ben se quer levar,
e o pequeno e o grande e o maior,
quaes el quer, eno seu poder son:
pois assi é, semelha-mi razon
de a servir e seu ben aguardar.

Ai, Deus, tal ben quen-no podess’ aver
de tal senhor qual min en poder ten!
Pero que tom’ en cuidar i prazer,
cuidar me tolh’ o dormir e o sén,
ca non poss’ end’ o coraçon partir,
ca mi a faz sempr’ ant’ os meus olhos ir
cada u vou, e, u a vi, veer.

Mais tanto sei, se podesse seer:
se viss’ ela o meu coraçon tan ben
com’ el ela, dever-s’ ia doer
d’ el e de min, poi-lo viss’; e por én
am’ eu e trob’, e punh’ en-na servir:
que entenda, pois meu cantar oir,
o que non posso nen lh’ ouso a dizer.

E non dev’ omen seu cor encobrir
a quen sabe que o pode guarir;
demais u lh’ outro non pode valer.

Orientacións para a lectura

O trobador expón as consecuencias que deixa o amor sobre el: o pracer en pensar na súa señora e algunhas sensacións contraditorias. Arde e afoga e non sabe onde lle doe nin en que apoiarse. Mais o Amor ten a todos no seu poder e por iso el non pode deixar de esperar que ela lle faga calquera ben. Pensar nela tíralle o sono e a razón, porén non pode afastar dela o seu corazón, que fai que estea sempre diante dos seus ollos e así a ve onde queira que vaia. Se ela puidesse ver o seu corazón como este a ve! Debería entón ter compaixón del. E entón continúa a amar, trobar e servila: que ela entenda, cando ouvir o seu cantar, o que non lle ousa contar. E o home non debe esconder o seu corazón a quen sabe que o pode curar; aínda máis cando non hai outro que lle poida valer.

 Cantiga de amor de mestría (sen refrán), con cobras doblas (a cada dúas estrofas cambian as rimas) e unha fiinda, isto é, unha estrofa adicional (neste caso, con 3 versos), que retoma a rima dos versos finais da última estrofa e serve de remate ao tema que viña sendo desenvolvido na composición.

O tema do amor é tratado con certa orixinalidade: por un lado, o trobador fala do pracer que lle causa pensar na dama; por outro, a sintomatoloxía amorosa é descrita nas súas manifestacións físicas concretas: o amador arde, mais tamén afoga e se sente perdido. O amor é personificado, ademais, como unha forza externa á cal ninguén, desde o pequeno até o máis importante, pode escapar.

Na terceira e na cuarta estrofa, desenvólvese un tema que foi especialmente caro á lírica provenzal e francesa, mais que posúe raíces clásicas (grega e latina) e cristiás: trátase do corazón como centro non só fisiolóxico, mais tamén emocional e cognitivo, de importancia fundamental na orixe e na continuación do amor. A imaxe da amada, primeiro captada pelos ollos, imprímese no corazón do amador. O amor é interpretado como unha busca obsesiva en torno dunha imaxe pintada ou reflectida no máis íntimo do home. Alén diso, o corazón adquire tamén materialidade, tórnase algo que ten de ser visto: non só o poeta pode ver a dama á maneira de imaxe que se proxecta para fóra do corazón, perante os seus ollos, mais ela mesma debería ser capaz de observalo e, comprobando a súa propia presenza naquel órgano vital, ter misericordia do trobador.

Cabe aínda observar, en prol da boa comprensión do texto, que arço e senço son formas do presente do indicativo dos verbos arder e sentir (ardo e sinto).

Manuscritos