Pai de Cana

A produción poética de Pai de Cana, representada por dúas cantigas de amigo, está incluída no sector dos Cancioneiros que recolle autores de condición clerical, da mesma forma que Airas Núnez e Sancho Sánchez.

Está probado que Pai Pérez de Cana foi cóengo de Santiago e rexedor da diocese de Santiago en substitución do arcebispo, mais tamén abade da Colexiada de Santa María de Valladolide (1281-1283). Está igualmente documentado en 1243, como confirmante da compravenda de propiedades no actual concello de Ames, limítrofe co de Santiago. Esa cronoloxía lígase á dos poetas que o rodean na tradición manuscrita: Gómez García, falecido en 1286; Rui Fernández, clérigo de Santiago, que redixe testamento en 1273; e Sancho Sánchez, rexistrado en 1260. A documentación existente, segundo a cal o seu irmán, Airas Pérez de Cana, vende propiedades en Paradela, no ano de 1275, fai supor que os “de Cana” fosen orixinarios dese lugar, situado na freguesía de Leovalde, do concello coruñés de Tordoia, a 18 km. ao norte de Santiago de Compostela. Alusións documentais a membros da liñaxe de/da Cana permiten ver, con todo, que o grupo familiar estaba sediado no corazón da cidade: por unha delas sabemos que Maior Pais de Cana vivía na rúa Nova, diante da porta de Santa Maria Salomé.

A sublevación do futuro Sancho IV contra o pai, Afonso X, fixo que se refuxiase na corte deste último, xunto do cal comparece, por última vez, en Sevilla no ano de 1283.

Hoxe en día, existe un lugar na freguesía de Conxo (concello de Santiago de Compostela) que leva o nome de “Pai da Cana”.