Pelo souto de Crexente

Pelo souto de Crexente
ũa pastor vi andar
muit’ alongada de gente,
alçando voz a cantar,
apertando-se na saia,
quando saía la raia
do sol nas ribas do Sar.

E as aves que voavan,
quando saía l’ alvor,
todas d’ amores cantavan
pelos ramos d’ arredor;
mais non sei tal qu’ i ‘stevesse
que en al cuidar podesse
senon todo en amor.

Ali ‘stivi eu mui quedo
quis falar e non ousei,
empero dix’ a gran medo:
– “Mia senhor, falar-vos-ei
un pouco, se mi ascuitardes,
e ir-m’ ei quando mandardes,
máis aqui non estarei”.

– “Senhor, por Santa Maria,
non estedes máis aqui,
mais ide-vos vossa via,
faredes mesura i;
ca os que aqui chegaren,
pois que vos aqui acharen,
ben dirán que máis ouv’ i”.

Orientacións para a lectura

O trobador viu andar polo souto de Crecente unha pastora moi afastada da xente, entoando un cantar e apertando a saia cando aparecían os primeiros raios de sol nas ribeiras do Sar. Todas as aves que voaban nesa madrugada cantaban de amores polas ramas que había ao redor, pois quen podería estar alí e pensar noutra cousa que non fose en amor? Ficou quedo, quixo falar, mais non se atreveu. Non obstante, díxolle con grande temor que, se o escoitase, falaría un pouco e partiría cando ela mandase. E esta respondeulle: “Señor, por Santa María, non esteades aquí por máis tempo, continuade o voso camiño e comportarédesvos así con mesura (con discreción e cortesía), pois os que aquí chegaren e vos encontraren comigo, sen dúbida dirán que máis houbo entre nós”.

A cantiga iníciase coa referencia a un alborecer de primavera que se prolonga, á maneira de exordio, polas dúas primeiras estrofas, onde non faltan as alusións ás aves cantoras e aos topónimos locais do entorno compostelán. Tipoloxicamente parece susceptíbel de ser clasificada como cantiga de amor, tendo en conta a perspectiva e a voz masculinas. Ora, é evidente aquí a influencia do xénero provenzal da pastorela, dada a presenza da pastora e do cabaleiro que a encontra nun locus amoenus, despertando logo a súa admiración; mais afástase do esquema definidor desta ao iniciar apenas timidamente un diálogo que non se desenvolverá: a pastora limítase a lembrar ao cabaleiro o código da mesura, pedíndolle que evite maliciosas sospeitas.

Manuscritos