Pero de Berdía

Os únicos datos relativos á biografía de Pero (ou Pedro) de Berdía que podemos considerar son aqueles que se deducen do nome con que foi coñecido e das características da sua integración no que foi denominado “cancioneiro de jograis galegos”. Así, cabe supor que foi orixinario de Berdía, freguesía situada no noroeste do actual concello de Santiago de Compostela, en cuxo ámbito ou proximidades terá existido unha ermida dedicada a Santa Marta cantada nas súas cantigas. Pero de Berdía foi un xograr, isto é un compositor que non pertencía á nobreza, xa que esa é a condición dos membros do segmento da tradición manuscrita en que se integra, categoría social que ven apoiada pola ausencia de patronímico – unha especie de apelido derivado do nome do pai – na súa denominación. Non contamos con elementos que permitan definir claramente o período cronolóxico en que viviu, motivo polo cal a súa actividade poética acostuma ser situada, de modo impreciso, no segundo e terceiro cuarteis do XIII.