Pero Meogo
A produción literaria de Pero Meogo é con xustiza un dos conxuntos poéticos máis célebres da lírica galego-portuguesa. Trátase de nove cantigas de amigo de tipo paralelístico en que se relata un episodio amoroso a través dunha narrativa de notábel riqueza simbólica.
A pesar do gran interese suscitado pola súa obra, a imprecisión con que o poeta é nomeado non permitiu recoñecer con seguranza a personaxe histórica entre os múltiplos individuos que ostentaron un nome similar. Porén, como foi suxerido recentemente, parece moi razoábel a súa identificación cun “Petrus Moogus” documentado, ao lado doutros axentes poéticos, en 1260-1261, como clérigo presbítero de San Simón de Ons – Cacheiras (actual concello de Teo). El e un irmán contaban con propiedades no lugar de Costenla, nesa mesma freguesía, o que nos leva a pensar que foi orixinario desa área xeográfica, inmediata á capital galega.