Levou-se a louçana, levou-se a velida​

Levou-s’ a louçana, levou-s’ a velida,
vai lavar cabelos na fontana fria.
Leda dos amores, dos amores leda.

Levou-s’ a velida, levou-s’ a louçana,
vai lavar cabelos na fria fontana.
Leda dos amores, dos amores leda.

Vai lavar cabelos na fontana fria,
passou seu amigo que lhi ben queria.
Leda dos amores, dos amores leda.

Vai lavar cabelos na fria fontana,
passa seu amigo que a muit’ amava.
Leda dos amores, dos amores leda.

Passa seu amigo que lhi ben queria,
o cervo do monte a augua volvia.
Leda dos amores, dos amores leda.

Passa seu amigo que a muit’ amava,
o cervo do monte volvia a augua.
Leda dos amores, dos amores leda.

Orientacións para a lectura

A doncela fermosa levántase de mañá e vai lavar os cabelos na fría fonte; ela está feliz, por causa do amor. En canto lavaba os cabelos, pasa o seu amigo, que moito a amaba; o cervo do monte turbaba a auga.

Cantiga de amigo paralelística. Con poucos elementos, que remontan a tradicionais motivos folclóricos e literarios, Pero Meogo insinúa un encontro amoroso entre a doncela e o seu amigo. Xustapóndose á imaxe do amigo que pasa, o cervo que turba a auga da fonte tórnase unha metáfora daquel, a través do simbolismo que, no paganismo ibérico medieval e na tradición bíblica, asociaba o cervo á sexualidade masculina. Por outro lado, o motivo do encontro amoroso na fonte pertence tamén ao patrimonio folclórico románico, da mesma forma que o da acción de lavar os cabelos ou a roupa, que nos leva até o simbolismo da virxindade e da fecundidade.

Esta cantiga foi imitada por D. Dinís, na súa composición “Levantou-s’ a velida”, na cal o papel do cervo é substituído polo do vento: “o vento lhas desvia”.

Manuscritos