Prema nas imaxes para acceder ás informacións

Antes de iniciar o roteiro...

A verdade é que eu preferira (…) guiarvos hoxe polos ‘lugares poéticos’ da Compostela trobadoresca, partindo do tinelo do Pazo Arcebispal onde está figurada a xograría e onde tantas veces resoarían as súas cantigas. Camiñaríamos logo cara ó Bonaval da ‘sagraçon’ de Bernal; ó Cornes de Martín; ó lugar que leva de antigo o nome de Pai de Cana; á rúa ‘da Moeda Vella’, onde vivía María Leve, quizais ‘a Balteira’; recitaríamos no souto de Crecente a pastorela de Johan Airas; en Sar evocaríamos asemade a doncela do gozoso encontro con Per Amigo de Sevilla e remataríamos o Congreso na Catedral lendo os miragres das Cantigas afonsís e pregando cos versos de Pai Gómez Chariño: ‘Ai Santiago, padrón sabido…’ 

Xosé Filgueira Valverde

A Compostela Trobadoresca

Nos séculos XII e XIII, era determinante o papel de Santiago de Compostela como centro relixioso, político e cultural, funcionando a cidade non só como polo de atración para as correntes intelectuais e artísticas prevalecentes na Europa, mais tamén como punto de difusión desas mesmas tendencias ou doutras que alí terían encontrado o seu berzo. Non é de estrañar que unha boa parte dos trobadores cuxa produción se encontra recollida nos Cancioneiros galego-portugueses estea, dalgunha forma, con ela relacionada. Así, os trobadores máis antigos, unidos entre si por lazos familiares ou por nexos sociais vinculativos, que os caracterizan como un grupo fortemente coheso e solidario, remiten a liñaxes poderosas no contexto galego da época: entre elas, ten papel preponderante a estirpe dos Traba, mais hai outras igualmente importantes que lle están asociadas, como os Vélaz, Limia, Celanova-Toroño, Cabrera e Urgell.

Con ramificacións e alianzas que se estenden aos outros reinos da Península, esas familias ligábanse intimamente tamén aos círculos do poder real e eclesiástico, con presenza marcante inclusive na comunidade relixiosa do arcebispado de Santiago. Os Cancioneiros rexistran as composicións de trobadores pertencentes a liñaxes nobres con propiedades fóra da terra de Santiago, mais que, en grande parte, posuían casas en Compostela, as cales servirían, dada a importancia política e cultural da cidade, como centro aglutinador para as súas respectivas cortes – entre eles, cítense Osoiro Eanes, Airas Fernández Carpancho e Afonso Eanes do Cotón -. Alén dos poetas que eran membros das famílias nobres, é preciso lembrar os clérigos, os xograres e os burgueses composteláns, cuxas composicións nos foron transmitidas pola tradición manuscrita.

Así sendo, a serie representativa da lírica galego-portuguesa que aquí expomos ten Santiago de Compostela como fio condutor, abranxendo tamén, en certa medida, as áreas xeográficas limítrofes ou máis próximas á capital galega, correspondentes aos actuais concellos de Ames, Teo e Brión.

O "Amor Cortés"

O tópico dominante, aínda que non exclusivo, da poesía trobadoresca foi a expresión do amor segundo os principios do que convencionalmente se chamou o “amor cortés”, un código de comportamento complexo que envolve aspectos sociolóxicos, éticos e literarios. Trátase dunha concepción do sentimento que, oposta en varios aspectos á da Antiguidade, sobrevive en esencia na idade contemporánea, de tal modo que se chegou a  afirmar que o século XII inventou o amor como ten sido entendido e celebrado na cultura occidental.

Os Xéneros

A lírica galego-portuguesa clasifícase en tres xéneros maiores: a cantiga de amor, a cantiga de amigo e a cantiga satírica ou de escarnio e maldizer. A de amor e a de amigo comparten a temática amorosa, mais afástanse nas súas perspectivas, xa que na primeira o suxeito poético é un home que expresa o seu amor, en xeral imposíbel, por unha muller referida como senhor (= ‘senhora’); na de amigo, polo contrário, a voz poética correspóndese coa dunha moza que expón os seus sentimentos polo namorado (amigo) nun ton, con frecuencia, máis optimista. A outra produción, coñecida polo nome compósito acima citado, caracterízase, na maior parte dos casos, por unha censura de carácter persoal transmitida con finalidade cómico-burlesca. Entre os xéneros menores, destacase a pastorela, na cal a temática amorosa aparece asociada ao encontro, nun locus amoenus (lugar ameno), entre un cabaleiro e unha pastor (= ‘pastora´). E a tençon ou tenzón ten como trazo definidor a estrutura en forma de diálogo, isto é, a cantiga resulta da colaboración de dous autores que nela establecen unha especie de disputa literaria. Lémbrese ainda que, alén dos xéneros profanos, consérvanse tamén as Cantigas de Santa María, de temática relixiosa, que maioritariamente constitúen narrativas de  milagres atribuídos á Virxe.

Os Cancioneiros

corpus poético profano foi conservado, esencialmente, en tres cancioneiros: o Cancioneiro da Ajuda, o Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa e o Cancioneiro da Biblioteca Vaticana. Outros testemuños menores, mais de grande interese por seren contemporáneos desa manifestación cultural, son o Pergaminho Vindel, coas 7 cantigas do xograr galego Martín Codax (seis coa respectiva notación musical), e o Pergaminho Sharrer, folla dun cancioneiro que contén partes de sete cantigas do rei D. Dinis de Portugal, tamén musicadas. As Cantigas de Santa Maria posuén unha tradición manuscrita propia, composta por catro códices da segunda metade do século XIII.

Os Poetas

A propósito dos autores, segundo os criterios xerais e non sempre moi claros da época, podemos distinguir dous grupos: os trobadores, de condición aristocrática, nas súas varias categorías, e os xograres, que non pertencían a ese estamento – ao todo, coñecemos o nome de cerca de 160 compositores, integrados en diversos grupos sociais. Non devemos esquecer que nos encontramos perante unha expresión cultural da camada da nobreza e que foi nos seus espazos privativos que se produciu e executou, predominantemente, esta moda poética.

Poesía e Música

Infelizmente, tal como acontece coa maioría das composicións galego-portuguesas que chegaron até nós, non se conservan as pautas musicais para os textos incluídos no presente site. Non custa lembrar, porén, que a nosa poesía medieval era inseparábel da música e que as imaxes do Pazo Arcebispal e do Pórtico da Gloria da Catedral, entre outras que decoran diversos edificios históricos da cidade, permiten contemplar a reprodución dalgúns instrumentos da época, que acompañarían a execución das cantigas. E, neste sentido, aínda nos di moi a propósito a doncela dunha cantiga de Juião Bolseiro que o seu amigo é excelente trobador, pois fez ũas lirias no son / que me sacan o coraçon  (fixo uns floreados na música que me arrebatan o corazón)