Joán Airas de Santiago

Trobador activo nas últimas décadas do século XIII e de quen conservamos 81 cantigas – cantidade realmente moi significativa na lírica medieval galego-portuguesa, apenas inferior á do rei D. Dinis -. Cultivou os tres grandes xéneros poéticos (cantiga de amor, de amigo e de escarnio e maldizer), así como xéneros menores (tenzón) e outros textos caracterizados ora polo hibridismo ou asimilación de tópicos de diversa procedencia ora pola introdución de elementos orixinais no contexto da lírica trobadoresca. As rubricas atributivas que acompañan algunhas desas composicións acrecentan ao seu nome a indicación de “burgués de Santiago”, cidade que nomea nos seus versos, xunto coa aldea de Crecente, nas proximidades do río Sar e pertencente á freguesía de Conxo.

Na verdade, o único documento que talvez se refira a el é o dun litixio co deán de Santiago de Compostela, datado en 1302 e relativo a certa propiedade entre un Joán Airas e a súa muller, María Anes do Souto. Outras noticias poden ser extraídas das súas propias cantigas, que fan alusións a viaxes a Castela (onde certamente frecuentou a corte de Afonso X), León e Portugal; ou que o sitúan como contemporáneo a Joán Vásquez de Talaveira, aínda activo no tempo de Sancho IV de Castela (r. 1284-1295) e de quen é interlocutor nunha tenzón. Na verdade, trátase dun autor dificilmente clasificábel porque na documentación da época son rexistradas abundantes referencias a individuos con ese mesmo nome.