Ai, Santiago, padron sabido
Ai, Santiago, padron sabido,
vós me adugades o meu amigo!
Sobre mar ven quen frores d’amor ten,
mirarei, madr’, as torres de Geen.
Ai, Santiago, padron provado,
vós me adugades o meu amado!
Sobre mar ven quen frores d’amor ten,
Mirarei, madr’, as torres de Geen.
Orientacións para a lectura
A doncela diríxese a Santiago, que é padroeiro recoñecido, cantando: “Ai, Santiago, traede-me de volta o meu amado!”
O primeiro verso do refrán: “Sobre mar ven quen frores d´amor ten”, dialoga con outra cantiga do mesmo trobador, onde a doncela manifesta o seu contentamento porque o amigo leva consigo no navío “as flores”, entendidas probabelmente como os sinais do seu amor: “As frores do meu amigo / briosas van no navio”. Talvez haxa na repetida referencia ás “flores”, inusitada no contexto marítimo onde se encontra, unha alusión de tipo biográfico ou mesmo, como parecen suxerir algúns investigadores, heráldico: a súa muller pertencía á nobre familia dos Aldao Maldonado, cuxo brasón ostentaba, polo menos en séculos posteriores, segundo consta nos Nobiliarios, cinco flores de lis.
A cantiga terá sido composta por ocasión da visita de Sancho IV a Compostela (1286), non facendo referencia, en tal caso, á conquista de Xaén (1246). Podemos supor que o refrán pertence a algunha cantiga tradicional relativa ás guerras entre cristiáns e árabes pola posesión daquela cidade.