Fez ũa cantiga d’ amor
Fez ũa cantiga d’ amor
ora meu amigo por mi,
que nunca melhor feita vi,
mais, com x’ é mui trobador,
fez ũas lirias no son
que mi sacan o coraçon.
Muito ben se soube buscar,
por mi ali quando a fez,
en loar-mi muit’ e meu prez,
mais de pran, por xe mi matar,
fez ũas lirias no son
que mi sacan o coraçon.
Per bõa fe, ben baratou
de a por mi bõa fazer
e muito lho sei gradecer,
mais vedes de que me matou:
fez ũas lirias no son
que mi sacan o coraçon.
Orientacións para a lectura
Composición en que a muller alude ás habilidades literarias do namorado a partir dunha belísima cantiga que fixo para ela: “O meu amigo fixo agora para min unha cantiga de amor tan ben feita que nunca vin outra mellor; e, como é moi bo trobador, fixo uns floreados na música que me arrebatan o corazón. Moi ben ficou comigo cando a fixo ao eloxiarme a min e o meu valor; e, na verdade, para me matar, fixo uns floreados na música que me arrebatan o corazón. Abofé que procedeu ben facéndoa boa por min, e moito llo sei agradecer, e vede como me matou: fixo uns floreados na música que me arrebatan o corazón”.
Destácase aquí o auto-panexírico do trobador, que utiliza a voz da rapariga e o xénero da cantiga de amigo para encomiar hiperbolicamente as súas propias habilidades discursivas e musicais na elaboración de cantigas, capaces de causar extraordinaria admiración.
Precisamente canto ao cultivo das cantigas de amigo por Juião Bolseiro, cabe subliñar o carácter revolucionario doutro texto da súa autoría, en que a rapariga e a nai trocan os papeis que normalmente lles son atribuídos: a proxenitora esixe o seu dereito a ter un namorado, mais conta coa oposición da filla (“Mal me tragedes, ai filha, porque quer’aver amigo / e, pois eu con vosso medo non o ei, nen é comigo”), e pide a Deus que, como castigo, lle dea a esta última unha descendente coa mesma actitude. Ademais, entre os argumentos utilizados pola nai, sobresae o de considerar que ela é superior á filla en beleza.