Que adubastes, amigo, alá en Lug’ u andastes

– “Que adubastes, amigo, alá en Lug’ u andastes,
ou qual é essa fremosa de que vós vos namorastes?”
– “Direi-vo-lo eu, senhora, pois m’ én tan ben preguntastes:
o amor que eu levei de Santiago a Lugo,
esse me adugu’ e esse me adugo”.

– “Que adubastes, amigo, u tardastes noutro dia,
ou qual é essa fremosa que vos tan ben parecia?”
– “Direi-vo-lo eu, senhora, pois i tomastes perfia:
o amor que eu levei de Santiago a Lugo,
esse me adugu’ e esse me adugo”.

– “Que adubastes, amigo, lá u avedes tardado,
ou qual é essa fremosa de que sodes namorado?”
– “Direi-vo-lo eu, senhora, pois me avedes preguntado:
o amor que eu levei de Santiago a Lugo,
esse me adugu’ e esse me adugo”.

Orientacións para a lectura

A doncela interroga o amigo sobre o que el ten feito en Lugo, por que tanto demorou naquela cidade. Levanta mesmo a sospeita de que se teña apaixonado alá por outra muller. O amigo di que lle responderá, xa que ela o quere saber; mais, ignorando a primeira parte da pregunta, limítase apenas a disiparlle as dúbidas acerca do seu amor: “O amor que levei de Santiago a Lugo, ese me guíe e por ese me guío”.

Cantiga de amigo en que dialogan a doncela e o seu amigo – precisamente un tipo de composición practicado por poetas galegos e portugueses a partir da segunda metade do século XIII -.

A forma “senhora”, utilizada polo amigo, é de uso limitadísimo na lírica galego-portuguesa, que emprega de maneira case absoluta o termo “senhor”, tanto para masculino como para feminino. A cantiga debe ser clasificada, segundo as normas da Arte de Trovar (manual de poética que precede o Cancioneiro da Biblioteca Nacional), como de amigo, unha vez que nela fala en primeiro lugar a muller; porén, a través da presenza do vocativo “senhora” e da énfase colocada na reafirmación da fidelidade amorosa do home, aproxímase á casuística da cantiga de amor.

Manuscritos