A por que perço o dormir

A por que perço o dormir
e ando mui namorado
vejo-a d’ aqui partir
e fiqu’ eu desemparado;
a mui gran prazer se vai
a Crexente en sua mua baia;
vestida d’ un pres de Cambrai,
Deus, que ben lh’ está manto e saia!

A morrer ôuvi por én
tanto a vi ben talhada,
que parecia mui ben
en sua sela dourada;
as sueiras son d’ ensai
e os arções son de faia;
vestida d’ un pres de Cambrai,
Deus, que ben lh’ está manto e saia!

Se a podess’ eu filhar
terria-m’ én por ben-andante,
e non braços a levar
na coma do rocin, deante,
per caminho de Lampai
passar Minho e e Doir’ e Gaia;
vestida d’ un pres de Cambrai,
Deus, que ben lh’ está manto e saia!

Se a podess’ alongar
quatro legoas de Crexente,
e nos braço-la filhar,
aperta-la fortemente,
non lhi valria dizer ai!,
nen chamar Deus nen Santa Ovaia;
vestida d’ un pres de Cambrai,
Deus, que ben lh’ está manto e saia!

Orientacións para a lectura

O trobador declara a súa aflición perante a partida da muller que o fai perder o sono e por quen anda apaixonado. Con pracer parte ela, que dispón de mula baia, vestida cun pres de Cambrai (tecido fino proveniente de Flandres): Deus, que ben lle fican o manto e a saia! O trobador case morre ao vela tan fermosa, pois parecía moi ben na súa sela dourada e en mula ricamente ataviada con gualdrapas de bo tecido (o ensai) e arzóns de faia. Que ditoso sería el se a puidese agarrar e afastala catro leguas de Crecente e levala nos brazos adiante, sobre a crina do rocín, polo camiño de Lampai, e pasar o Miño, o Douro e Gaia! Se a puidese afastar catro leguas de Crecente, e tomala entre os brazos e apertala fortemente! De nada lle valería exclamar “ai!”, nin chamar por Deus nin por Santa Olaia.

Composición singular por varios motivos. É dificilmente clasificábel como cantiga de amor, mais tampouco presenta unha correspondencia exacta co universo tradicional do xénero satírico, pola gradación na emoción e a tensión contida. Encontramos nela a visión dunha dama cabalgando cunha elegante indumentaria na súa mula luxosamente adornada, o que provoca perturbadores desexos no trobador, que querería raptala ou afastala do seu entorno para aproveitar a soidade e forzala. Non temos noticia de ningún caso concreto ao cal o autor poda facer referencia – a pesar das coincidencias xeográficas e textuais con dúas composicións de Martín Soárez que aluden ao rapto de D. Elvira Eanes da Maia polo trobador Rui Gómez de Briteiros, Joán Airas afástase cronoloxicamente deste episodio; mais talvez se trate dun modelo xocoso de rapto ben sucedido. E, aínda, a alusión específica a Vila Nova de Gaia pode rememorar a lenda do rei D. Ramiro de León, a quen o rei mouro Abencadán lle roubou a esposa para morar con ela no seu castelo de Gaia – asunto especialmente coñecido na época e recollido nos Livros de Linhagens.

Manuscritos