Vedes que gran desmesura

Vedes que gran desmesura,
amiga, do meu amigo:
non veo falar comigo,
nen quis Deus nen mia ventura
que foss’el aqui o dia
que pôs migo, quando s’ia.

Como eu tevera guisado
de fazer quant’ el quisesse,
amiga, sol que veesse,
non quis Deus, nen meu pecado
que foss’el aqui o dia
que pôs migo, quando s’ia.

E and’end’eu mui coitada,
como quer que vos al diga,
por que non quis Deus, amiga,
nen mia ventura minguada
que foss’el aqui o dia
que pôs migo, quando s’ia.

Orientacións para a lectura

A doncela quéixase a unha amiga da falta de cortesía do amigo, pois non veu falar con ela no día en que combinara vir, cando partira. Tería feito todo canto el quixese, así que viñese; mais non quixo Deus nin a súa infeliz sorte que el estivese alí no día que combinara. E anda por iso moi triste, aínda que lle diga outra cousa, porque non quixo Deus nin a súa pouca sorte que el estivese alí no día en que combinara vir, ao partir.

De estrutura non paralelística, con refrán, a presente cantiga de amigo permite recompor unha pequena narrativa: a partida do amado, a súa promesa de voltar a encontrar a amiga nun determinado día e a quebra dese compromiso por parte del. Trátase dun diálogo, do cal ouvimos só unha das voces: a da namorada, que confía a súa tristeza e o motivo dela a unha amiga-confidente, declarándolle, ao mesmo tempo, o amor polo amigo e a intención que tivera de acceder a todos os seus desexos, cando voltase.

A resposta da confidente, encontrámola na próxima cantiga: “Amiga, o voss’ amigo”.

Manuscritos