Pois que se non sente a mia senhor

Pois que se non sente a mia senhor
da coita em que me ten seu amor,
mia morte mui mester me seria.
Se sempr’ ei d’ aver atal andança,
cativo, que non morri o dia
que a vi en cas Dona Costança!

Pois que o dormir e o sén perdi,
Nostro Senhor, e como non morri
como morre quen non á proveito
de morrer ren? Sequer ja vivo…
Mais eu, que por sandeu e tolheito
and’, e como non moiro, cativo?

Orientacións para a lectura

O trobador afirma que a morte lle sería necesaria, unha vez que a súa amada non se compadece da dor que lle causa o seu amor. E continúa: “Se sempre hei de ter tal sorte, infeliz de min, que non morrín no día en que a vin na casa de Dona Constanza! Pois perdín o sono e a razón, Noso Senhor, como non morrín como morre quen non ten proveito ningún en morrer? Xa case non vivo! Mais eu, que ando louco e tollido, como non morro, infeliz de min?”

Ao desenvolver o tema da morte por amor, bastante frecuente nas cantigas de amor galego-portuguesas, o trobador utiliza un esquema argumentativo, chamando a atención sobre a falta de aplicación ao seu caso dunha norma considerada xeral: todo aquel que ama como eu amo, sen ser retribuído, morre; entón, por que non morro eu? Infrínxese aquí, por outro lado, a regra do sixilo sobre o nome da dama amada, ao fornecer indicios que levarían á súa identificación: aquela que ama é a que el viu na casa de Dona Constanza. No entanto, o trobador xoga tamén con certa ambigüidade, pois ao mesmo tempo que parece identificala, deixa a descrición o bastante vaga para que non sexa claramente recoñecida. Por outro lado, cabe supor que a mención de Dona Constanza sexa unha maneira de homenaxear discretamente a señora da casa nobre en cuxa corte se acollía ese círculo poético.

Manuscrito