Fernando Esquío
Trobador pertencente á liñaxe dos Esquíos, da pequena nobreza galega, situada en terras de Neda e ligada ao mosteiro de San Martiño de Xubia, na actual comarca de Ferrol. Activo probabelmente nos finais do século XIII ou inicios do XIV, momento en que un membro da mesma familia, Gonzalo Esquío, terá casado cunha dama da importante liñaxe dos Trava. Tendo en conta o que se pode inferir da obra que del conservamos (2 cantigas de amor, 4 de amigo e 3 satíricas), debe ter vivido en Santiago de Compostela e estar relacionado coa cidade de Lugo.
A súa identificación con Fernán do Lago, a quen se atribúe nos Cancioneiros unha cantiga de amigo, non está libre de controversias.