Quand’eu vejo las ondas

Quand’eu vejo las ondas
e las muit’altas ribas,
logo mi veen ondas
al cor, pola velida;
maldito seja’l mare
que mi faz tanto male!

Nunca vejo las ondas
nen as altas debrocas
que mi non venhan ondas
al cor, pola fremosa:
maldito seja ‘l mare
que mi faz tanto male!

Se eu vejo las ondas
e vejo las costeiras,
logo mi veen ondas
al cor, pola ben feita:
maldito seja ‘l mare
que mi faz tanto male!

Orientacións para a lectura

Contemplando as ondas do mar que se rompen nas altas ribeiras, o poeta sente que tamén lle veñen ondas así ao seu corazón por causa da bela muller amada. E di: “Maldito sexa o mar, que me fai tanto mal! Nunca vexo as ondas nin as altas rochas sen que me veñan ondas ao corazón pola fermosa: maldito sexa o mar, que me fai tanto mal! Se vexo as ondas e vexo as grandes penas, logo me veñen ondas ao corazón pola ben feita; maldito sexa o mar, que me fai tanto mal!”

Cantiga singular por varios motivos: a pesar de podermos inferir que a voz poética é masculina, non son desenvolvidos aquí, da mesma maneira, os temas predominantes na cantiga de amor, tales como a análise do padecimento amoroso, a queixa polo desamor da dama ou o encomio da muller. Eles comparecen, porén, de forma inusitada, na metáfora das ondas que azoutan os altos rochedos, configurando a situación do trobador perante a superioridade e a indiferenza da dama. Alén diso, o movemento das ondas fai lembrar ao poeta o seu propio estado de desasosego. Por outro lado, aproxímase á cantiga de amigo pola estrutura paralelística, pola presenza da natureza e polo emprego de adxectivos que son máis habituais na cantiga feminina para referirse á beleza da doncela.

A cantiga pode ser considerada como reelaboración dun antigo motivo popular románico, unha vez que nela ecoa o fragmento inicial dunha canción tradicional italiana citada por Boccaccio no Decameron: “L’onda del mare mi fa sì gran male…”

Manuscritos