Osorio Eanes
Osorio Eanes é un dos poetas que, nas oito cantigas de amor conservadas, permítenos observar con máis claridade o influxo da lírica cortés occitana sobre a galego-portuguesa. De feito, dada a súa cronoloxía, pensamos que foi el, apoiado no seu círculo familiar, un dos axentes que favoreceu a implantación daquel modelo poético no noroeste peninsular.
Osorio Eanes pertenceu ás liñaxes dos Limia e dos Traba, como fillo de Joán Airas de Limia e de Urraca Fernández de Traba. Coñecemos con algún pormenor as súas actividades, entre 1175 e 1217, xa que chegou a exercer como tenente en diversas áreas do Miño ourensán. Alén das súas conexións con ese espazo, a súa familia e el propio estiveron moi ligados á cidade de Santiago e ao ámbito catedralicio da mesma. Por un documento de 1217, sabemos que deixou ao cabido compostelán metade dunha casa que posuía na antiga praza do Campo, hoxe de Cervantes, da capital galega.