Sanhudo m’ é meu amig’ e non sei
Sanhudo m’ é meu amig’ e non sei,
Deu-lo sabe, por que xi m’assanhou
ca toda ren que m’ el a mi mandou
fazer, fij’ eu e nunca lhe errei;
e por aquesto non tenh’ eu en ren
sanha, que sei onde mi verrá ben.
Tan sanhudo non m’ é, se m’ eu quiser,
que muit’ alhur sen mi possa viver,
e en sobervia lho quer’ eu meter
que o faça, se o fazer poder;
e por aquesto non tenh’ eu en ren
sanha, que sei onde mi verrá ben.
E, des que eu de mandado sair,
non se pode meu amigo guardar
que me non aja pois muit’ a rogar
polo que m’ agora non quer gracir;
e por aquesto non tenh’ eu en ren
sanha, que sei onde mi verrá ben.
Quando m’ el vir en Santa Marta estar
mui fremosa, meu amigo ben lheu
querrá falar migo e non querrei eu;
enton me cuido ben del a vingar;
e por aquesto non tenh’ eu en ren
sanha, que sei onde mi verrá ben.
Orientacións para a lectura
Neste poema, aparecen en posición de destaque os termos sanhudo, assanhar–se, sanha e vingar: como primeira palabra do primeiro verso da estrofa inicial (incipit), en posición de rima, no refrán e no último verso antes do refrán final. O poeta consegue, dese modo, subliñar especialmente o comportamento do amigo como “sanhudo” (irado, asañado), en canto a amiga, que parece monologar – ou dirixirse de forma directa aos ouvintes/lectores – asume o papel de “difícil”: non pode crer que ele estea realmente tan enfadado, unha vez que ela sempre fixo o que el propio lle mandou, e nunca “errou” contra el. Elabora entón unha estratexia para forzalo a rogar por aquilo que agora non lle quere agradecer: desobedeceralle (sair de mandado) e, cando o amigo a vexa estar moi fermosa en Santa Marta, axiña quererá falarlle, mais ela non accederá, vingándose así del.
O poema desenvolve a argumentación mediante unha sintaxe subordinativa bastante densa e distinta da coordinación predominante nas cantigas de amigo de tipo tradicional. Chama a atención tamén o uso dun provenzalismo na cuarta estrofa, en posición de rima: lheu (facilmente), só utilizada, en todo o corpus da lírica medieval, en cinco cantigas e noutras dúas coa variante leu. Estamos, por conseguinte, diante dun xograr que se mostra bastante familiarizado coas formas cultas do trobadorismo galego-portugués.
Atribúense a Pero de Berdía cinco cantigas de amigo no sector que se ten denominado “Cancioneiro de xograres galegos”, situado nos Cancioneiros galego-portugueses (Cancioneiro da Vaticana e Cancioneiro da Biblioteca Nacional). Unha delas, a última da secuencia, é monostrófica, embora talvez non incompleta.
Na primeira (aquí reproducida), na segunda e na cuarta, menciónase a “ermida de Santa Marta”, o que fai delas o que convencionalmente se chamou “cantigas de romaría” ou “de santuario”. Como ocorre en xeral neste tipo de cantiga, no entanto, os aspectos propiamente relixiosos da romaría fican subordinados ás circunstancias dun encontro amoroso.
Por outro lado, en tres das cinco cantigas: a primeira, a cuarta e a quinta, a amiga fala sobre a “sanha” do amigo, que está “sanhudo”, isto é, anoxado con ela. Trátase dun tema común no corpus das cantigas de amigo, xa estudado por especialista do ramo: o da discusión entre os namorados, provocada en xeral pela quebra das expectativas dun dos membros da relación amorosa ou dun xuramento feito. Aparece en 46 poemas, de 27 dos 88 poetas a quen son atribuídas cantigas de amigo. O grupo lexical constitutivo do tema inclúe termos como sanha, sanhudo/a, assanhar-se e outros termos técnicos da linguaxe xurídica do século XIII: preito, torto, jurar, perjurar, mentir, queixar-se, vingar, enganar, falso e traedor. Tanto o amigo como a amiga poden ser presentados como sanhudo/a. Cando se trata do amigo, a donzela pode adoptar a posición de “conciliadora” ou entón caracterizarse como “difícil”, tal como ocorre neste caso.