Pai Gómez Charinho
Trobador supostamente natural de Pontevedra, onde tería nacido aproximadamente en 1225. Desempeñou importantes funcións no reinado de Sancho IV (1284-1295): a partir de 1284 está documentado como Almirante do Mar; en 1286, acompaña o rei na súa peregrinación a Santiago, ocasión á cal alude probabelmente na cantiga “Ai Santiago, padron sabido”, reproducida aquí (vid. tamén a cantiga de Airas Núnez); debe ter permanecido entón en Galiza, ocupando, desde 1290, o cargo de meiriño-mor. Despois da morte de Sancho IV en 1295, envolveuse nas disputas relacionadas coa sucesión do trono.
Durante unha entrevista entre os infantes D. Juan e D. Enrique, en Ciudad Rodrigo, nos finais dese mesmo ano, foi asasinado por Rui Pérez Tenoiro, irmán do trobador Men Rodríguez Tenoiro. Foi sepultado no convento franciscano de Pontevedra, onde, en 1308, se erixiu sobre a súa tumba un mausoleo de granito coa estatua xacente do poeta. Na inscrición que os seus descendentes alí fixeron esculpir menciónase que “gañou Sevilla”. A hipótese de ter participado na conquista de Sevilla (1248) non está, con todo, cabalmente documentada.
Sonlle atribuídas nos Cancioneiros 19 cantigas de amor, 6 cantigas de amigo, 1 de escarnio, 1 tenzón e 1 cantiga de difícil clasificación por causa da súa ambigüidade, ás veces entendida como un eloxio e outras como unha sátira, onde se compara o Rei de Castela e Leão, moi probabelmente Sancho IV, co mar. A presenza frecuente do tema mariño nas súas cantigas ten sido asociada ao seu contacto íntimo cos perigos do mar, o que lle permitiu crear unha serie de imaxes literarias bastante orixinais no contexto da lírica galego-portuguesa.