Sancho Sánchez
Atribúense a Sancho Sánchez unha cantiga de amor e cinco de amigo. Unha outra cantiga de amor, de dupla atribución, debe ser considerada como da autoría de Pero da Ponte. A súa produción encóntrase na sección dos Cancioneiros onde ocorren autores de condición clerical, da mesma forma que Airas Núnez, Pai de Cana ou Rui Fernández de Santiago.
Case nada se sabe acerca da súa vida. Nunha escritura de 1260, onde se rexistra que o deán de Santiago compra propiedades no lugar de Oseve (S. Simón de Ons – Cacheiras, actual concello de Teo), figura como testemuña un Sancho Sánchez, identificado como clérigo, probabelmente membro do estamento clerical da Sé de Santiago destacado nesa área de Oseve, próxima á capital galega.
A delimitación do ámbito xeográfico co cal aparece aí relacionado pode ser unha vía para identificar o San Salvador referido nunha das súas cantigas de amigo: “En outro día, en San Salvador”. Trátase, moi probabelmente, do santuario de San Salvador de Bastavales (concello de Brión), cabeza da antiga freguesía dese nome (hoxe integrada na de San Xulián de Bastavales), situada a 6,5 km. de Oseve e a 10 km. de Santiago de Compostela.