Amiga, o voss’ amigo
Amiga, o voss’amigo
soub’ eu que non mentiria,
posto que o jurad’avia
que veesse, mais vos digo:
que á de vós mui gran medo
por que non veo máis cedo.
E rogou-m’el que vos visse
e vos dissesse mandado,
que non era perjurado,
e vedes al que mi disse:
que á de vós mui gran medo
por que non veo máis cedo.
E rogo-vos, ai amiga,
que bõa ventura ajades,
que muito lho gradescades,
pois m’el roga que vos diga:
que á de vós mui gran medo,
por que non veo máis cedo.
Orientacións para a lectura
A amiga-confidente responde á queixa que a doncela lle formulara na cantiga anterior: “Vedes que gran desmesura”. Tráelle mesmo un recado do namorado: el non mentiría, pois xurara que a viría ver; e máis, ten gran medo dela, porque non viñera máis cedo. A confidente roga á doncela que sexa feliz, e que moito agradeza ao amigo, pois lle manda tal mensaxe.
Ese é todo o cancioneiro de Pai de Cana que nos foi transmitido. Nun pequeno drama, dialogan dúas doncelas, a namorada e a súa confidente; o amigo é só referido a través da fala das dúas, unha que se queixa do seu perxurio e a outra que lle serve de mensaxeira e presenta a súa defensa.
A primeira composición desenvolve un tema característico das cantigas de amigo: a namorada laméntase á amiga porque o namorado non regresou no día prometido; declara o seu amor por el e a intención de acceder aos seus desexos.
A segunda, no entanto, parece conformarse máis ao temario das cantigas de amor, en que o home teme ofender a amada e non ten coraxe de se dirixir directamente a ela. O amigo consegue así, a través da interposta persona, manifestar o seu amor e a súa xustificativa á amiga e a composición logra un aproveitamento enxeñoso dos elementos de ambos os xéneros amorosos da lírica medieval galego-portuguesa.