Quand’ eu un dia fui en Compostela

Quand’ eu un dia fui en Compostela
en romaria, vi ũa pastor
que, pois fui nado, nunca vi tan bela,
nen vi outra que falasse milhor,
e demandei-lhe logo seu amor
e fiz por ela esta pastorela.

E dix’eu logo: “Fremosa poncela,
queredes vós min por entendedor,
que vos darei boas toucas d’Estela,
e boas cintas de Rocamador,
e d’outras doas a vosso sabor,
e fremoso pano pera gonela?”

E ela disse: “Eu non vos queria
por entendedor, ca nunca vos vi
senon agora, nen vos filharia
doas que sei que non son pera min,
pero cuid’ eu, se as filhass’ assi,
que tal á no mundo a que pesaria.

E se veess’ outra, que lhi diria,
se me dissesse “ca per vós perdi
meu amigu’ e doas que me tragia?”
Eu non sei ren que lhi dissess’ ali;
se non foss’ esto de que me tem’i,
non vos dig’ ora que o non faria”.

Dix’eu: “Pastor, sodes ben razõada,
e pero creede, se vos non pesar,
que non est’ oj’ outra no mundo nada,
se vós non sodes, que eu sábia amar,
e por aquesto vos venho rogar
que eu seja voss’ ome esta vegada”.

E diss’ ela, come ben ensinada:
“Por entendedor vos quero filhar
e, pois for a romaria acabada,
aqui, d’u sõo natural, do Sar,
cuido eu, se me queredes levar,
ir-m’ei vosqu’e fico vossa pagada”.

Orientacións para a lectura

O trobador narra o que lle sucedeu un dia, cando estaba en Compostela, en romaría: viu unha pastora tan bela como nunca vira outra antes, nin vira outra que falase mellor. Pediulle o seu amor e fixo por ela esta pastorela.

Díxolle el logo: – “Fermosa doncela, querédesme por voso namorado? Dareivos boas toucas de Estela, boas cintas de Rocamador, e outros presentes á vosa vontade, e fermoso pano para manto”.

E ela respondeu: – “Non vos quero como namorado, pois nunca vos vin senón agora, nin recibiría de vós presentes que sei que non son para min; e se os recibise, xulgo que hai alguén no mundo a quen iso faría padecer. E se viñese outra e me dixese: – ‘Por vós perdín o meu amigo e os presentes que me traía?’ Se non fose por iso que temo, non vos digo agora que eu non o faría”.

Dixo el: – “Pastora, argumentades ben; mais crede que non hai hoxe ningunha outra muller no mundo senón vós, a quen eu saiba amar. E por iso, véñovos rogar que eu sexa o voso namorado desta vez”.

E dixo ela, como persoa ben educada: – “Por namorado vos quero tomar e cando a romaría tiver terminado, de aquí do Sar, onde nacín, se me queredes levar, irei convosco e fico agradecida”.

Como o propio trobador di, a cantiga é unha “pastorela”, isto é, un xénero lírico-narrativo cuxo tema é o encontro dun cabaleiro cunha pastora, nun lugar campestre. O xénero naceu na Provenza e tivo gran desenvolvemento no norte de Francia; a súa presenza na lírica galego-portuguesa é pequena, sendo aí representada, mais con interferencias de elementos característicos dos xéneros amorosos peninsulares, por 7 cantigas: 3 de D. Dinis, unha de Airas Núnez, unha de Joán Airas de Santiago, outra de Joán Pérez de Aboin e esta de Pedro Amigo de Sevilha, a única que se auto-denomina “pastorela”.

O seu modelo evidente é a composición que inaugura o xénero na Provenza, a pastorela “L’autr’ier jost’una sebissa”, de Marcabrú, coa cal comparte, alén de elementos formais, expresivos e temáticos, o termo “gonela”, de ocorrencia única na lírica galego-portuguesa. O diálogo entre o cabaleiro e a pastora, no entanto, ten desfecho e significado diferentes nas dúas composicións: en canto na provenzal a doncela resiste aos eloxios do cabaleiro, expondo a súa falta de cortesía e revelándose a detentora de valores morais e espirituais de que el carece, na de Pedro Amigo, aínda que resista nun principio, a pastora non tarda en aceitar a corte e a proposta do cabaleiro. O debate entre ambos, ao contrario do representado na pastorela de Marcabrú, é pouco desenvolvido e superficial, levando rapidamente ao desenlace.

Polo uso dalgúns termos (poncela, gonela) e polo motivo da aceptación dos dons, que marca o xogo das clases sociais presente na pastorela clásica, lígase á poética occitana; o ambiente da romaría, por súa vez, pertence á tradición das cantigas de amigo; outros elementos, porén, como o encomio da muller e a vasalaxe do home, ao universo das cantigas de amor. No poema de Pedro Amigo de Sevilla aínda se poden ouvir os ecos da cantiga de Joan Airas de Santiago, cuxo escenario é tamén a área do Sar, próximo de Santiago.

Alén diso, é a única cantiga dos Cancioneiros onde se usa o topónimo “Compostela”.

Manuscritos