Martín Moxa
As composicións de Martín Moxa conservadas nos cancioneiros figuran no interior das dun grupo de poetas clérigos, case na totalidade composteláns, o que nos permite identificalo con Martín Eanes Moxe, cóengo-arcediago da Sé de Santiago, documentado no ano 1281. As fontes diplomáticas permiten saber que tivo propiedades en Lestrove (concello de Dodro) e que morou na Rúa da Raíña, moi próximo á Catedral de Compostela. Terá sido fillo de Joán Martíns Moxe e irmán de Pedro Eanes Moxe, este tamén cóengo compostelán.
O feito de ocupar o penúltimo lugar no Cancioneiro da Ajuda, concretamente antes de Rui Fernandes de Santiago, indica que a súa cronoloxía coincide coa dos autores mencionados, isto é, entre o último cuartel do século xiii e as primeiras décadas do seguinte.
Por outro lado, o carácter moralizante dunha parte importante da súa obra e as abundantes referencias bíblicas que nela se localizan revelan a cultura clerical do trobador. A súa condición profesional ponse de manifesto tamén nunha serie de cantigas susceptíbeis de seren integradas na tipoloxía do sirventés moral, cuxo tema central é a exaltación da clerecía.
Os cancioneiros transmitiron un total de vinte poemas seus (un deles de autoría dubidosa), entre cantigas de amor e cantigas satíricas.