A Bonaval quer’ eu, mia senhor, ir

A Bonaval quer’ eu, mia senhor, ir
e des quand’ eu ora de vós partir
os meus olhos non dormirán.

Ir-m’-ei, pero m’ é grave de fazer
e des quand’ eu ora de vós tolher
os meus olhos non dormirán.

Todavia ben será de provar
de m’ ir, mas des quand’ eu de vós quitar
os meus olhos non dormirán.

Orientacións para a lectura

Cantiga de amor. O poeta declara á súa señora que desexa ir a Bonaval, porén, cando se separar dela, os seus ollos non durmirán máis. Aínda que lle sexa difícil facelo, irase, mais os seus ollos non durmirán máis, cando os afastar dela. De todas as maneiras será bo tentar irse, porén así que afastar dela os seus ollos, eles non durmirán máis.

A cantiga explora o tema da dor causada pola separación, a cal se concentra totalmente nos ollos, privados da visión da amada e, por iso, do sono. O poeta afirma querer ir a Bonaval, mais ao mesmo tempo deixa claro que iso lle resulta penoso. Non sabemos o motivo que o leva a desexar esa ida – a posibilidade de facer romaría parece pouco probábel, unha vez que, nas cantigas galego-portuguesas, as romarías en xeral supoñen para os amantes unha ocasión para o encontro. A referencia a Bonaval poderá entón corresponder a unha forma de sinatura que o trobador imprime ao seu poema.

Manuscritos