Airas Fernández Carpancho

Cabaleiro da pequena nobreza, pertenceu a unha liñaxe cuxos ascendentes se ligaban por lazos familiares ao primeiro arcebispo da Igrexa de Santiago, Diego Xelmírez; os seus irmáns Adán – talvez o poeta latino coñecido como “Adán, o clérigo” – e Nuno facían parte do cabido compostelán e estudaran en París, demostrando así que se trataba dunha familia que participaba intimamente da efervescencia cultural compostelá iniciada en tempos de Xelmírez. A vida de Airas Fernández estendeuse probabelmente entre os anos 1170 e 1240. Os seus pais foron enterrados ás portas da Catedral. Documentos comproban que a família posuía casas en Santiago (unha delas próxima á Porta Faxeira) e unha casa-torre tamén en Balcaide (no actual concello de Teo).

A cantiga de amor que se reproduce contén tamén unha referencia singular: o nome da persoa en cuxa casa tiña visto a súa amada: “en cas Dona Costança”, moi probabelmente un indicio das súas relacións coa importante estirpe dos Rodeiro: unha Dona Constanza Martíns (ca. 1190 – ca. 1255) foi muller de Don Munio Fernández de Rodeiro, que gozou dunha posición preeminente na corte leonesa de Afonso IX en diante. Tal alusión permítenos, ademais, propor a hipótese de Dona Constanza de Rodeiro ter favorecido a existencia dunha corte poética na súa casa, grazas á mención, na cantiga de Pai Soárez de Taveirós, a unha “filha de Don Pai Moniz”, probabelmente a filla de Pai Muniz de Rodeiro, irmán de Don Munio e pertigueiro de Santiago en 1210.

Aínda que os Rodeiros fosen unha liñaxe orixinaria das terras do mesmo nome situadas no interior da actual provincia de Pontevedra, nada se opón a imaxinar que os contactos entre os participantes do grupo poético ocorresen tamén, ou de preferencia, no centro cultural que Santiago representaba, considerando que moitas das familias nobres do tempo tiñan casa no seu núcleo urbano.

Os Cancioneiros rexistran 5 cantigas de amor e 8 de amigo da autoría deste trovador.