Pero García de Ambroa
Os Cancioneiros atribúen a Pero García de Ambroa unha cantiga de amor e a un Pero de Ambroa, unha cantiga de amigo e 13 de escarnio e maldizer. Por causa desa coincidencia parcial dos nomes, algúns críticos xulgaron que se trataba do mesmo individuo. No entanto, por un lado Pero García de Ambroa consta como xa morto en 1237, ao paso que referencias contidas nas cantigas de Pero de Ambroa permiten situalo na corte de Afonso X (ou sexa, despois de 1252). Por outro lado, a cantiga de amor do primeiro encóntrase na sección dos Cancioneiros que recolle as composicións dunha fase máis antiga da escola lírico galego-portugués, en canto as cantigas do segundo se integran no “Cancioneiro de xograis galegos”, organizado posteriormente.
Documentación recente, porén, menciona un “Pedro García de Ambroa”, morto probabelmente antes de 1260, nunha viaxe de peregrinación á Terra Santa, o que concorda coas referencias satíricas encontradas en cantigas compostas por trobadores diversos ligados á corte do Rei Sabio. Trátase, por conseguinte, de dous individuos distintos, aínda que non sexa imposíbel conxecturar que Pero (García) de Ambroa, cuxa actividade poética se terá desenvolvido probabelmente entre 1235 e 1255, pertencese a unha camada secundaria da estirpe de Ambroa, procedente da freguesía de Santo Tirso de Ambroa, no nordeste da provincia coruñesa. A mesma documentación relacionao coa familia de D. Munio Fernández de Rodeiro que, como vimos no caso de Airas Fernández Carpancho, tería favorecido a existencia dunha corte poética.