De Pero Bõo and’ora espantado

De Pero Bõo and’ ora espantado,
de como era valent’ e ligeiro
e vivedoir’, e assaz é arriçado;
e disse-me agora un cavaleiro
que o leixara eire, ao serão,
ser ant’ a sa porta guarid’ e são,
e, ante luz, acharon-no peideiro.

E com’ é traedor aqueste mundo;
en mao á quen se d’el muito fia;
ca de Santiag’ ata San Fagundo
máis ruidoiro ome non avia;
e dizen todos: “Quen-no assi visse
jazer peendo como se dormisse,
ja d’el mazela nunca perderia”.

E este era o mais arriçado
ome de toda esta nossa terra,
e viveu sempre en exequ’ e ‘n guerra.
Mas peeu ora e, a Deus loado,
dizen os omes, e dizen dereito,
que peeu ben, pois peeu en seu leito,
pero non peeu ben maenfestado.

El peeu quando cantavan os galos
e por sa molher que i non chegava,
non-no ousavan changer seus vassalos;
mais un deles, o que el mais amava,
e que sempr’ ante muito ben fazia,
já s’ enton a el chegar non podia,
atan mal dizia que lhe cheirava.

Orientacións para a lectura

O poeta manifesta a súa admiración perante a sorte dun certo Pedro Bon, home moi valente, cheo de vida e ben disposto. Un cabaleiro mesmo lle dixera que o deixara na véspera san e salvo na porta da súa casa – e agora, antes do amañecer, achárano morto. Como é traidor este mundo! Que mal fica quen nel confía! Pois de Santiago até Sahagún non había home máis ruidoso! Din todos agora: “Quen o vise así xacer morto como se durmise, xa del nunca a pena perdería”. Era o home máis rixo desta nosa terra e paso a vida a participar sempre en loitas e en guerra. Morreu, porén, e din que morreu ben, pois morreu no seu leito – mais non morreu confesado. Morreu cando cantaban os galos e, como súa muller non chegaba, non ousaban preparalo os seus vasalos; e un deles, o que el máis amaba, xa entón non podía achegarse a el, tan mal dicía que lle cheiraba.

Cantiga escatolóxica que explora o duplo sentido do termo “peer” (expeler gases e expeler a vida, morrer – un intercambio entre as actividades consideradas altas ou nobres e aquelas tidas como baixas ou infames, tan habitual na Idade Media). Trátase dunha parodia do xénero “pranto”, modalidade poética composta para lamentar a morte de alguén, valéndose da ocasión para lle facer o eloxio fúnebre. Unha cantiga de Pero García Burgalés dialoga claramente con ela, non só no nome do “pranteado” Pero Bon, mais tamén nas circunstancias da morte e no emprego dos mesmos termos: “Dũa cousa soo maravilhado/ que nunca vi a outren contecer:/ de Pedro Boo, que era arriçado/ e ben manceb’ assaz pera viver,/ e foi doent’ e non se confessou,/ deu-lho peer, e peeu, e ficou/ seu aver todo mal desemparado”. O termo “peer” aparece aínda na cantiga de Fernán García Esgaravunha: “Nengueninin, que vistes mal doente”, a cal ten elementos de contacto coa de Pero de Ambroa, mais nela a expulsión de gases representa o proceso de cura, en vez de significar a morte. 

A expresión “de Santiago até San Fagundo” (actual Sahagún, importante xornada no Camiño de Santiago) entra no rol daquelas fórmulas utilizadas en xeral polos trobadores co propósito de indicar un espazo xeográfico bastante extenso.

Manuscrito