Joán Vásquez de Talaveira
Trobador de orixe castelá (oriúndo de Talavera de la Reina, próximo de Toledo, tal como cabe xulgar a partir do seu apelido), activo na segunda metade do século XIII. Parece que se pode identificar con Joán Vásquez, varias veces considerado de forma errónea outro poeta, dada a falta de referencias históricas e a omisión do topónimo nos manuscritos. Del conservamos un total de 20 textos de diversos xéneros: 4 cantigas de amor, 8 cantigas de amigo, 5 de escarnio e maldizer e 3 tenzóns. É coñecida a súa actividade na corte de Sancho IV de Castela en 1286, a través dun documento que atesta un pagamento recibido por facer parte do grupo de infanzóns que acompañaron Sancho IV de Castela na súa viaxe a Baiona nese mesmo ano. As súas cantigas, en particular as tenzóns con Pedro Amigo de Sevilha, Joán Airas e Lourenço, confirman, non obstante, que xa tiña participado ben antes do círculo trobadoresco de Afonso X. As relacións con autores galegos pode ser xustificada pola súa presenza na corte de Castela e tamén é posíbel comprender en tal contexto o coñecemento que de Santiago de Compostela demostra nos seus versos – cabe supor que viría co rei Sancho IV, precisamente, na peregrinación que este fixo á cidade.