Pedro Amigo de Sevilha
A pesar do topónimo aposto ao seu nome, non se puido comprobar até agora que fose sevillano. Polo contrario, os documentos encontrados rexistran, por un lado, un Pedro Amigo, clérigo da freguesía de Santo Tirso de Ambroa (c. Irixoa, Coruña) entre 1238 e 1275; e un Pedro Amigo, cóengo de Oviedo e “compañeiro” da igrexa de Salamanca, entre 1288 e 1302. Demóstrase, nos dous casos, unha relación co mundo xograresco: así, no testamento rexistrado por escrito en 1302, o cóengo deixa mesmo a súa viola a un xograr, Pero Loçano. Por ese motivo, tense considerado que se trate do mesmo individuo, identificado co trobador en causa. Por outro lado, un outro Pedro Amigo figura tamén entre os beneficiados no repartimento de Murcia (1266), probabelmente o mesmo Pedro amigo joglar que herdou no repartimento de Jerez de la Frontera (1264-1269). Esa proposta de identificación ten a seu favor o feito de localizar o trobador entre os presentes na corte sevillana de Afonso X, nun período coincidente cos datos que se poden inferir das súas composicións.
A produción que del nos foi transmitida, nos Cancioneiros, inclúe 4 cantigas de amor, unha pastorela, 11 cantigas de amigo, 18 de escarnio e maldizer e 3 tenzóns. Alén do número considerábel de poemas, débese resaltar a variedade dos xéneros e a súa familiaridade con recursos postos en circulación no ámbito cortesán pola poética occitana e francesa. Os temas tratados polas cantigas satíricas colócano inequivocamente no círculo da corte castelá de Afonso X: fai parte do grupo de poetas que escarnecen a soldadeira María Balteira, entre eles o propio monarca; acomete tamén contra Pero de Ambroa e participa da polémica en torno das pretensións poéticas do xograr Lourenço; nunha tenzón con Vasco Peres Pardal, pertencente ao ciclo das sátiras á Balteira, recoñécense referencias ao contexto político dos eventos ocorridos en 1275, cando se quebrou a alianza entre Afonso X e os arrais mouros rebelados contra o rei de Granada.