Quen seu parente vendia

Quen seu parente vendia,
todo por fazer tesouro,
se xe foss’ en corredura
e podesse prender mouro,
tenho que x’ o venderia
quen seu parente vendia.

Quen seu parente vendia,
ben fidalgu’ e seu sobrinho,
se tevess’ en Santiago
bõa adega de vinho,
tenho que x’o venderia
quen seu parente vendia.

Quen seu parente vendia,
polo poeren no pao,
se pan sobrepost’ ouvesse,
e lhi chegass’ ano mao,
tenho que x’ o venderia,
quen seu parente vendia.

Quen seu parente vendia,
mui fidalgu’ e mui loução,
se cavalo sop’ ouvesse
e lho comprassen por são,
tenho que x’o venderia,
quen seu parente vendia.

Orientacións para a lectura

Cantiga satírica dirixida a un individuo non nomeado que, segundo o poeta afirma, tería vendido un parente para facer diñeiro.

Di o poeta: “Se el se encontrase nunha batalla e puidese prender un mouro, creo que o vendería; quen vendeu o seu sobriño, bo fidalgo, se tivese en Santiago boa adega de viño, creo que o vendería; quen vendeu o sobriño para causarlle desgraza, se tivese pan de reserva e viñese ano mao, creo que o vendería; quen vendeu o seu parente, moi fidalgo e ben posto, se tivese un cavalo manco e llo comprasen como san, teño que o vendería”.

Querendo pór de relevo a súa cobiza, Pero da Ponte imaxina diversas circunstancias en que o satirizado non dubidaría en vender algo indebidamente: por exemplo, se estivese nunha pelexa e aprisionase un mouro, venderíao, aínda que iso fose ilegal; o mesmo faría se, en Santiago, tivese unha boa provisión de viño destinada a usos de culto; nun ano de má colleita, preferiría vender o trigo reservado; se tivese un cabalo manco, venderíao por san. 

A cantiga coloca en xerarquía, por conseguinte, os crimes que unha persoa podería facer por cobiza: o máis grave, aquele que torna todos os demais posíbeis, é entregar un parente por diñeiro. Iso non é de admirar, considerando que os lazos de parentesco, nas súas diversas modalidades, tiñan un papel central nas sociedades medievais, como parte dun tecido de relacións bastante máis amplo que o da sociedade actual.

Manuscritos