Pero da Ponte
Nunha cantiga, Pero da Ponte noméase “escudeiro”, categoría social que lle permitía tamén atribuírse o título de “trobador”. Non dispomos de documentación segura para comprobar a súa orixe, mais coñecemos un testamento de 1279, do cóengo compostelán Abril Fernández, no cal un dos beneficiados é Macías, fillo de “Petrus Iohannis de Ponte Veteris”, isto é, Pedro Eanes de Pontevedra, evidentemente conectado a Santiago. Un Pedro Fernández de Pontevedra aparece tamén nun documento de 1253, como perquiridor de Afonso X, xuntamente con Pero Núnez de Santiago, no bispado de Astorga e na terra de Aliste. E a súa interacción con outros compositores, como Bernal de Bonaval e Afonso Eanes do Cotón, permite igualmente supor que fose galego.
A súa actividade poética pode ser comprobada xa a partir de 1235, cando compón un “pranto” pola morte da raíña D. Beatriz de Suabia, muller de Fernando III, estendéndose ao longo do reinado de Afonso X até 1275, polo menos. Foi un dos trobadores máis prolíficos, distinguíndose tamén pola variedade dos xéneros que practicou: 7 cantigas de amor, 7 de amigo, 4 prantos, 2 cantigas panexíricas (unha ao rei Fernando III, pola conquista de Sevilla, e a outra a Jaume I, pola conquista de Valencia), 2 tenzóns e 31 cantigas de escarnio e maldizer.
Nas súas cantigas, alén das dúas aquí reproducidas en que alude a Santiago, menciónanse tamén localidades castelás (Burgos, Carrión, Segovia, Toledo e Jaén). A pasaxe polas cortes señoriais serviulle de pretexto para a composición de sátiras ou de encomios fúnebres, como os que dedica a Lopo Díaz de Haro e a Telo Afonso de Meneses. Alén diso, frecuentou a corte de Fernando III e a do seu fillo, Afonso X.