Rui Fernández de Santiago
Clérigo trobador activo na corte de Afonso X durante o segundo terzo do século XIII. Nos Cancioneiros rexístrase un trobador co nome de Rui Fernández de Santiago, autor de 18 cantigas de amor, e un “Rui Fernández, clérigo”, a quen son atribuídas 7 cantigas de amigo. A crítica ten sido unánime, porén, en considerar que se trata do mesmo individuo.
Parece posíbel identificalo coa persoa que Afonso X nomeou como seu capelán e que, en 1273, asinaba o seu testamento en Salamanca. Aínda que nunha cantiga mencione que o amigo quere ir servir o rei a Sevilla, non se pode afirmar con certeza que teña tomado parte na conquista desa cidade (1248).