Martin de Cornes vi queixar

Martin de Cornes vi queixar
de sa molher, a gran poder:
que lhi faz i, a seu cuidar,
torto; mas eu foi-lhi dizer:
– Falar quer’ eu i, se vos praz:
Demo lev’ o torto que faz
a gran puta desse foder.

Mais se vós sodes i de mal sen
de que lh’ apoedes mal prez?
ca salvar-se pod’ ela ben
que nen ũ torto non vos fez;
nen torto non faz o taful,
quando os dados acha algur,
de os jogar i ũa vez.

Orientacións para a lectura

Cantiga de escarnio e maldizer dirixida a un certo Martín de Cornes, que se queixa fortemente da muller, porque pensa que ela o traizoa; o poeta retruca, porén: “Quero falar sobre iso, se me permitides; que demo de crime comete esta muller, se se entrega a outro? Mas se vós facedes mal niso, por que razón a difamades? Pois ela pode ben defenderse, alegando non vos ter feito ningún mal: da mesma forma non comete ningún erro o xogador ao xogar unha vez os dados que encontra á man nalgún sitio”.

O nome do satirizado, alén de se referir ao lugar de Cornes (antigamente pertencente ao concello independente de Conxo, hoxe integrado no de Santiago de Compostela), tamén pode funcionar como un xogo de palabras para aludir ao tema da composición, isto é, a burla dun home enganado pola muller.

O poeta lembra, porén, que esta podería defenderse facilmente da acusación, usando como argumento a comparación co xogador que encontra os dados á man: ou sexa, insinúa que a muller de Martín de Cornes probabelmente lle fose infiel, porque encontra  noutra persoa “os dados para jogar”. A sátira encamíñase, así, para a alegada impotencia do marido.

Manuscritos