Per quant' eu vejo
Per quant’ eu vejo
perço-m’ e desejo,
ei coita e pesar;
se and’ ou sejo
o cor m’est antejo
que me faz cuidar;
ca, pois franqueza,
proeza,
venceu escasseza,
non sei que pensar.
Vej’ avoleza,
maleza,
per sa soteleza
o mundo tornar.
Ja de verdade
nen de lealdade
non ouço falar,
ca falsidade,
mentira e maldade
non lhis dá logar;
estas son nadas
e criadas
e aventuradas
e queren reinar;
as nossas fadas,
iradas,
foron chegadas
por esto fadar.
Louvamĩares
e prazenteares
an prez e poder;
e nos logares
u nobres falares
soian dizer
vej’ alongados,
deitados
do mund’, eixerdados,
e van-se perder;
vej’ achegados,
loados,
de muitos amados
os de mal-dizer.
Pela crerizia,
per que se soia
todo ben reger,
paz, cortesia,
solaz, que avia
fremoso poder
quand’ alegria
vevia
no mund’ e fazia
muit’ a ‘lguen prazer,
foi-se sa via,
e dizia:
“Cada dia
ei de falecer!”
Dar, que valia,
compria
seu tempo, fogia
por s’ ir asconder!
Orientacións para a lectura
O trobador fai unha crítica do tempo presente: as calidades prezadas no tempo pasado están agora ausentes e foron substituídas por outras opostas. A xenerosidade (virtude cortés por excelencia) foi vencida pola avareza; a vilanía virou o mundo do revés; a verdade e a lealdade desapareceron, dando lugar a falsidade, mentira e maldade; eloxios vans e adulacións están no poder; os falares nobres foron abandonados, sendo agora moi apreciados os ofensivos. A cultura, que rexía todo o ben (paz, cortesía, pracer) e que posuía un fermoso poder cando a alegría vivía no mundo, partiu entre lamentos: “Cada día morro un pouco máis”. A liberalidade, que valía, cumpriu o seu tempo e fuxiu para esconderse.
A cantiga é unha sátira moral, inspirada en sirventeses provenzais (xénero poético usado para facer crítica política e moral). Pola forma métrica irregular, de versos curtos, variando entre 2, 3, 4 e 5 sílabas, ten sido considerado un “descordo”, a pesar da existencia de regularidade nas estrofas e na propia distribución métrica.
O tema da decadencia dos costumes era bastante común na literatura medieval, onde frecuentemente se representou o “mundo ao revés”, correspondendo ao que na literatura clásica se denominaba adinata ou impossibilia (cousas imposíbeis que, no entanto, acontecen). O motivo é referido por Martín Moxa nos versos 11 a 14: “Vexo a vilanía, a malicia, por medio da súa sutileza, revirar o mundo”. Mais en vez de mencionar casos concretos (por exemplo, o cego como guía de cegos, que os precipita no abismo), o trobador válese da abstracción, da alegoría e da antítese, pondo a desfilar as virtudes do tempo pasado e os vicios do presente: a falsidade, a mentira e a maldade naceron, están creadas, prósperas e queren reinar. Os falares nobres foron botados fóra dos lugares onde eran apreciados; en vez deles, son aclamados os de aldraxe.
A clerecía ten aquí un significado especial: en sentido amplo, equivale ao clero na súa condición de principal detentor da cultura. Mais tamén inclúe o que convencionalmente se chamou “o clérigo cortés”, isto é, o home da Igrexa que circulaba pelas cortes e adoptaba os valores da cortesía, inclusive no que tiña que ver co código da fin’amors ou amor cortés.