Don Pero Nunez era entorvado
Don Pero Nunez era entorvado
e ia-s’ a Santiag’ albergar;
e o agúiro sol el ben catar,
ca muitas vezes l’ ouv’ afaçanhado,
e indo da casa ao celeiro,
ouv’ ũu corvo viaraz e faceiro,
de que don Pero non foi ren pagado.
E pois lo el ouve muito catado,
diz: “D’ este corvo non posso escapar
que d’ el non aja ‘scarnho a tomar,
con gran perda do que ei guaanhado
ou da maior parte do que ouver,
per ventura ou do corpo ou da molher,
segund’ eu ei o agoiro provado”.
E tornou-se contra seu gasalhado
e diz: “Amiga, muit’ ei gran pesar,
ca me non posso de dano guardar
d’ este corvo que vejo tan chegado
a vossa casa, pois filha perfia
e corvej’ aqui sempr’ o máis do dia,
e diz: `De noute seras trasfumado´”.
Orientacións para a lectura
D. Pero Núnez estaba preocupado e ía albergar a Santiago. El examina habitualmente ben o agoiro, pois moitas veces xa o ten consultado; e, indo da casa ao celeiro, encontrou no camiño un corvo fronte a ele, do cal non gostou nada. Despois de telo observado moito, dixo: “Deste corvo non podo escapar sen escarnio, talvez de min mesmo ou da muller, con perda do que gañei ou da maior parte do que tiver, segundo teño comprobado polo agoiro”. Entón, dirixíndose a súa compañeira, díxolle: “Amiga, teño grande pesar porque non podo fuxir do dano deste corvo que vexo tan próximo da vosa casa, pois grasna aquí teimosamente a maior parte do día e di: – ‘De noite serás burlado!’ ”.
Cantiga de escarnio relativa aos agoiros, a partir da presenza do corvo como ave que presaxia males, asunto do cal Joán Airas de Santiago tamén se mofa nas composicións que preceden a esta nos manuscritos. Cabe interpretar a cantiga baixo un duplo plano que gravitaría aínda sobre a equivalencia corvo = home (talvez un clérigo?), tal como parece confirmar a alusión á muller, a continua presenza deste nos arredores da casa e a ameaza de “molestar” de noite, co que tanto se altera D. Pero.